Teatro, coral, fotografía e costura son algunhas das novidades para os maiores, mentres que para os socios infantís este ano incorpórase á oferta a robótica e a arte urbana

Coas novas propostas, a directiva quere “confirmar o seu compromiso sólido coa promoción cultural” 

Lugo. 06/setembro/2018

O Círculo das Artes de Lugo impartirá este ano un total de 21 actividades semanais para adultos e dez infantís, ademais de incorporar importantes novidades á oferta de lecer e incrementar o número de horas das clases máis demandadas. Trátase dunha axenda de actividades coas que “A directiva do Círculo quere, por unha banda, confirmar o seu compromiso sólido coa promoción cultural e, por outro, seguir contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar”, explicou a responsable de Comunicación do Círculo, Margarita López Blanco. O presidente da sociedade, Miguel Caraduje Somoza, destacou que “na oferta de lecer para os adultos mantéñense actividades con gran demanda como pintura, tango, pilates ou club de lectura; dáse continuidade ás incorporadas hai uns anos como o taller de memoria, speak and coffe ou os bailes latinos e introdúcense importantes novidades, entre as que destacan teatro, coral, taller de costura, fotografía, saxofón e clarinete”. Con respecto ás dúas primeiras, o máximo responsable do Círculo explicou que “nacen co obxectivo de pór en marcha en adiante senllas compañías, que foron hai anos parte importante da actividade cultural desta sociedade e que agora se queren recuperar”. Saxofón e clarinete incorpóranse ás especialidades de guitarra e violín que xa había o ano pasado, para dar un maior protagonismo á música na oferta cultural do Círculo. Por ultimo, Caraduje sinalou que “as actividades semanais de costura e fotografía responden a unha petición dos propios socios que tras o éxito dos cursos temáticos realizados o ano pasado, pediron que ambas actividades pasasen a integrar a oferta semanal”. Ademais, hai que destacar o incremento de horas dalgunhas das actividades máis demandadas, como o proban os 15 grupos semanais de pilates ou os 8 de ioga. Por suposto, comentou, “dáse continuidade ás que sempre formaron parte da proposta de lecer desta sociedade, como bailes latinos, bridge, mus, sevillanas e tango, por citar algunhas”. No que respecta á oferta destinada aos socios adultos, xunto ás clases dirixidas haberá outras actividades mensuais como os cursos temáticos de gravado, talla de madeira e escultura. Tamén se manteñen os ciclos Venres de Círculo e Sábados de Baile, para ofrecer outras alternativas durante o fin de semana. A diferenza doutros anos, e a petición dos socios, todas as clases comezarán o día 1 de outubro e non despois de San Froilán. A inscrición poderase realizar a partir do próximo día 10 de setembro, nas oficinas do Círculo, en horario de tarde.

Oferta infantil

A oferta de lecer para os máis pequenos tamén chega este ano con novidades interesantes, acordes ás novas tendencias e gustos dos máis novos. Así, incorpóranse á oferta semanal as actividades de robótica, culturban e taller de costura. Precisamente, algunhas destas actividades incorporáronse para ofrecer propostas atractivas aos nenos e nenas de 10 a 15 anos, dentro do programa de lecer xuvenil “Alternatívate”, que se desenvolverá os venres á tarde. A xestora cultural do Círculo, Noelia Castro Vila, sinalou respecto diso que “á gran novidade que supón o Alternatívate, na oferta deste ano hai que destacar a consolidación de todas as actividades que xa se estaban levando a cabo, co incremento do número de horas. Un exemplo disto é a ocioteca do Espacio Joven, que amplía o seu horario e que abrirá as súas portas ás 17.00 horas”. Os campamentos urbanos mantéñense durante as vacacións de Nadal, Semana Santa e verán, do mesmo xeito que os talleres didácticos e creativos do ciclo Chikiocio, que chegarán cada fin de mes con novas propostas como os cursos de arquitectura e maquetas, creacións artesanais, taller de monicreques e de recreación de instrumentos musicais, entre outros. Tamén se manteñen os seus talleres estrela como os de científicos por un día, chikichef e artes plásticas. Precisamente, este ciclo arrincará os días 28 e 29 de setembro coa celebración do Chikiocio Decoart, coa elaboración de elementos decorativos a partir de materiais reciclados.

ACTIVIDADES SEMANALES ADULTOS:

GIMNASIA DE MANTENIMIENTO; PILATES; TALLER DE MEMORIA; YOGA; PINTURA; SPEAK AND COFFE; MÚSICA CUERDA (VIOLÍN Y GUITARRA); CLUB DE LECTURA; MUS; ZUMBA; BRIDGE; BAILES LATINOS; BAILE TRADICIONAL; SEVILLANAS; TANGO; TALLER DE COSTURA; CORAL; TEATRO; FOTOGRAFÍA; MÚSICA VIENTO (CLARINETE Y SAXOFÓN) *

ACTIVIDADES SEMANALES INFANTILES:

DIVERIDIOMAS, PINTURA, HIP-HOP, AJEDREZ, JUST DANCE, MÚSICA, CLUB DE LECTURA, ROBÓTICA, CULTURBAN Y COSTURA *

OTRAS ACTIVIDADES ADULTOS:

VIERNES DE CÍRCULO, SÁBADOS DE BAILE, CURSOS TEMÁTICOS DE GRABADO, TALLA DE MADERA Y ESCULTURA.

OTRAS ACTIVIDADES INFANTILES:

OCIOTECA, CHIKIOCIO (EL ÚLTIMO FIN DE SEMANA DE CADA MES) Y CAMPAMENTOS URBANOS CIRCULARTE

Podes descargar a axenda cultural dende esta ligazón