O sábado 18 repartiremos 4.000 euros en premios, o martes 21 será a quenda dos máis pequenos e o sábado 25 degustaremos un cocido.

Lugo. 26/Xaneiro/2023

O Círculo abrirá os Entroidos o sábado día 18 co baile de disfraces, que se celebrará desde as 12 da noite e no que se repartirán 4.000 euros en premios. En comparsas os dous primeiros grupos clasificados obterán 1.200 e 700 euros; en parellas os premios serán de 500 e 300 euros; mentres que os dous mellores disfraces en categoría individual levarán 300 e 200 euros. O concurso celebrado no Salón Rexio está aberto tamén ao público xuvenil, cun premio por categoría de comparsas, parellas e individual, que recibirán 400, 250 e 150 euros respectivamente.

Ademais do concurso de disfraces, a música será outro dos grandes protagonistas do programa de Entroido. O sábado 18, o baile de adultos estará amenizado pola orquestra Solara, que tamén actuará no café-concerto de 16:30 a 17:30 horas.

O martes 21 de febreiro celebrarase o Festival Infantil, que comezará ás 17.00 horas no Salón Rexio, co espectáculo de Pizpireta. Para participar no concurso de disfraces é necesario inscribirse antes do día 16, ben nas oficinas da Sociedade ou a través do correo electrónico circulodelasartes@yahoo.es.

A programación festiva do Círculo rematará o sábado 25 de febreiro a partir das 22:00 horas co tradicional cocido e o Baile de Piñata, a cargo do Dj Stormcloud.

A reserva de mesas para os días 18 e 25 poden efectuarse a partir do luns 13 ás 17:00 horas.

A xunta directiva do Círculo anima a participar na programación, que pretende chegar a todos os públicos e idades, así como a gozar das festas.