Diversos enclaves da cidade acollen desde mañá ata o domingo a celebración do IX Festival Internacional TangoLiber, coa asitencia de máis de 250 participantes de toda Europa 

O salón Regio será o escenario para senllas milongas nas noites do venres e do sábado, coa exhibición de mestres bailaríns

 LUGO. 18/xullo/2018

Máis de 250 participantes procedentes de varios países europeos; actuacións e exhibicións de mestres bailaríns de tango, campións de Europa e do mundo; música en directo a cargo de renombrados DJ; milongas, clases e seminarios centrados no tango, en diferentes escenarios e localizacións da cidade. Todo iso forma parte da novena edición do Festival Internacional TangoLiber, que se celebrará do xoves ao domingo, e que esta mañá se presentou no salón de columnas do Círculo das Artes. A responsable de Comunicación desta Sociedade, Marga López Blanco, iniciou a rolda de prensa abrindo as portas do Círculo a todos para gozar deste espectáculo. Un evento “co que o Círculo sempre colaborou, xa que entendemos o baile como unha representación artística e este festival como unha forma de apoiar turísticamente á cidade de Lugo”. De feito, a secretaria da Asociación Cultural Tango Club Galicia, Alejandra Botigué, insistiu neste aspecto á vez que falou da calidade das actuacións, con dúas parellas que “son un referente moi importante do mundo do Tango como  Karina Colmeiro e Maximiliano Cristiani, Campión mundial en 2013,  e   Roberto Zuccarino e  Maria Ines Bogado, campioa mundial en 2010”. Botigué tamén destacou a calidade dos catro DJ procedentes de Arxentina, Sevilla, Lugo, Murcía e Portugal, así como dos máis de 250 inscritos desta edición, con afeccionados  de multitude de países europeos. O xefe territorial de Presidencia, Ramón Carballo, destacou a consolidación e o crecemento deste evento, mentres que a reponsable de Cultura na Deputación, Pilar García Porto, chamou a atención sobre o incremento do número de participantes, máis de 250, que veñen demostrar, segundo apuntou, a solvencia do traballo que hai tras este festival. A concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, coincidiu co resto de autoridades ao referirse “á calidade deste festival” e animou a toda a cidadanía a participar no mesmo.

O presidente do Círculo, Miguel Caraduje Somoza, foi o encargado de pechar esta presentación falando da estreita colaboración desta sociedade coa Asociación Cultural Tango Club Galicia. “Non podía ser doutra forma, sinalou, xa que este evento  comparte algúns dos grandes obxectivos desta sociedade, como é a difusión e fomento das artes, á vez que se promociona o propio Círculo e a cidade de Lugo”. Ademais, rememorou as súas vivencias en Buenos Aires e as grandes milongas ás que asistiu. “Estas reunións de tango vanse a trasladar ao salón Regio nas noites do venres e do sábado, trasladando á súa vez a todos os que participen á increible cidade de Buenos Aires”.