A Federación galega de Círculos e Casinos celebrará unha romaría en Celanova ? Lobios o domingo 16 de xuño.

Lugo. 3/Xuño/2024

A Romaría da Federación Galega de Círculos e Casinos terá lugar en Celanova – Lobios o domingo 16 de xuño.

A xornada comezará en Celanova ás 11 da mañá, cunha visita do claustro barroco do mosteiro de San Salvador e da capela mozárabe de San Miguel. Ás 12.00 horas, os asistentes que o desexen poderán asistir á misa conventual.

A continuación os asistentes desprazaranse ao Balneario de Lobios, onde degustarán un menú a base de fabada, bacallau á portuguesa e filloas recheas de crema, marinado con viño do D.O Ribeiro. O menú ten un prezo de 30 euros por persoa, mentres que a viaxe en autobús corre por conta do Círculo das Artes de Lugo, sempre que haxa un mínimo de dez inscritos.

Despois da comida, gozaremos dunha tarde de festa con actuación musical. Ademais, ás 17.30 horas haberá a posibilidade de desprazarse a visitar o Aquis Querquennis, un complexo arqueolóxico romano no Concello de Bande.

Os interesados en participar poden inscribirse nas Oficinas do Círculo das Artes até o próximo 7 de xuño.