O Círculo das Artes acolle a presentación da obra “Naurú”, de María Dolores Seijas Soto.
A autora lucense inicia a súa traxectoria literaria coa publicación do “O mestre de Zaín”, unha novela intimista, froito da fascinación que sente pola figura e personalidade do seu avó. En 2017, publica “Réquiem”, unha novela de corte histórico, ambientada en Polonia, coas rabexadas da influencia soviética na política polaca e os comezos do conflito árabe-israelí. A súa última novela, Naurú, explora o terreo da fantasía, cunha apaixonante incursión polo mundo da pintura e o exotismo de Papúa Nova Guinea.
En Naurú, a tese do antropólogo Charles, a esquizofrenia artística de Philippe e o espírito aventureiro de Claudy, condúcennos polos camiños de París, Londres, Brasil e Papúa sobrevoando o misterio de Naurú, a enigmática pintora da tribo, que fai converxer o paralelismo entre a fantasía e a realidade.
O acto estará presidido pola alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada de Noelia Castro, xestora cultural do Círculo e Luisa Conde, coordinadora do club de lectura.
Será o martes 9 de abril ás 20.00 horas, no Salón de Columnas. Entrada libre até completar aforamento.