O Salón de Columnas do Círculo das Artes acolle a celebración da edición número XXV da Olimpíada Matemática Galega, organizada por Agapema  Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática).

Trátase dun evento enmarcado dentro dun proxecto internacional, orientado a fomentar o ensino das matemáticas de forma máis creativa e reflexiva, fronte a unha aprendizaxe baseada na adquisición de algoritmos por repetición.

Será este xoves 25 de abril, cando arrinque a Fase Zonal da Olimpíada Matemática, que se celebrará simultaneamente no sete cidades galegas. En Lugo será de 10.30 a 13.00 horas no Círculo das Artes, e participarán alumnos que cursan 2º da ESO nos centros da nosa provincia, someténdose a unha proba individual que consistirá na resolución de cinco problemas, os mesmos en todas as zonas.

O Rebumbio Matemático, proba por equipos dirixida a alumnos de sexto de primaria, será o venres 26 de 10.30 a 13.00 horas.

Os 40 finalistas seleccionados na fase de zona, acudirán á Fase Final Galega, que terá lugar o xoves 23 de maio, de 12.00 a 14.00 horas, tamén no Círculo das Artes, onde se concentrarán estudantes de toda Galicia, e dos que soamente tres representantes, chegarán á final española, que este ano se celebrará en Estremadura no mes de Xuño.