O historiador Antonio Prado Gómez publica na Voz de Galicia do 15 de xaneiro un completo artigo sobre a relación entre o músico Juan Montes (1840-1899), unha das figuras máis importantes da nosa música e o Círculo das Artes, do que extractamos unha pequena parte e recomendamos a súa lectura completa nesta dirección: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2021/01/15/juan-montes-socio-musico-do-circulo-das-artes/00031610736463115768591.htm

O recente traslado do monumento levantado fai doce décadas en honra do músico lucense Juan Montes Capón, para situalo no seu novo emprazamento da Praza Maior da cidade de Lugo, anímanos a pronunciarnos positivamente sobre a oportunidade desta decisión posto que a vida persoal e a actividade profesional do célebre compositor e instrumentista tiveron como escenario principal a citada praza: alí estudiou durante máis dunha década no antigo Seminario conciliar situado no edificio actual do Colexio dos PP. Franciscanos, alí dirixiu a Banda municipal de Lugo e alí colaborou co contiguo Círculo de las Artes, tanto na súa primeira como na segunda sede social, mantendo con esta Sociedade unha relación particularmente intensa da que aquí imos a ocuparnos.

A segunda metade do século XIX sería o ámbito cronolóxico do chamado Rexurdimento, un movemento cultural galego identitario que pretendía rescatar a lingua propia de Galicia e con ela trazos esenciais da súa personalidade cultural, como a literatura, a música ou as tradicións populares. Neste ámbito de recuperación das esencias vernáculas vaise desenvolver a vida e a obra dun músico lucense de recoñecido talento e particularmente querido polos seus paisanos: Juan Montes Capón (1840-1899)

Artigo en La Voz de Galicia