BASES DO II CONCURSO DE MICRORRELATOS DO CÍRCULO DAS ARTES DE LUGO

Primeira. Obxecto do concurso

O Círculo das Artes de Lugo convoca o II Concurso de Microrrelatos co obxectivo de fomentar a creación literaria, a participación cultural dos seus socios e a vinculación artística e afectiva coa entidade.

Un microrrelato é unha narración breve que, con economía de linguaxe, desenvolve unha historia completa ou suxerida, real ou ficticia.

Segunda. Temática

Os microrrelatos deberán ter algunha vinculación co Círculo das Artes de Lugo, a súa historia, os seus espazos, as súas actividades, os seus socios, o seu ambiente cultural ou calquera elemento real ou imaxinario relacionado coa entidade.

Terceira. Participantes

Poderán participar os socios do Círculo das Artes de Lugo maiores de 16 anos.

Cada participante poderá presentar un único microrrelato.

Cuarta. Requisitos das obras

Os microrrelatos poderán estar escritos en castelán ou en galego.

Deberán ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados anteriormente en ningún outro certame.

A extensión será de entre 50 e 350 palabras, sen contar o título.

Quinta. Forma de presentación

Os traballos enviaranse por correo electrónico ao seguinte enderezo:

concurso-microrrelatos-2026@circulodelasartes.org

No asunto do correo deberá indicarse:

II Concurso de Microrrelatos do Círculo das Artes

Deberán achegarse dous arquivos en formato PDF:

Documento A: levará como nome o título do microrrelato e conterá unicamente o texto da obra, sen sinatura nin dato identificativo algún. O texto presentarase en letra Arial, tamaño 12, con interliñado 1,5.

Documento B: levará tamén como nome o título do microrrelato e incluirá os datos da persoa autora: nome e apelidos, DNI, enderezo postal, correo electrónico e teléfono de contacto.

Quedarán excluídos os traballos que inclúan datos persoais no Documento A ou no nome dos arquivos.

Sexta. Prazo de presentación

O prazo de presentación será desde o día 27 de abril de 2025 ata o día 15 de maio de 2026.

Non se admitirán traballos recibidos fóra de prazo.

Sétima. Xurado e criterios de valoración

O xurado será designado polo Círculo das Artes de Lugo.

Valorarase especialmente:

  • A corrección ortográfica e gramatical.
  • A calidade literaria do texto.
  • A orixinalidade e creatividade da proposta.
  • A adecuación á temática do concurso.
  • A capacidade de suxestión e síntese propia do microrrelato.

O fallo do xurado será inapelable. O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que as obras presentadas non reúnen a calidade suficiente.

O xurado resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles microrrelatos que, entre outros, atenten contra os dereitos á intimidade, á honra e á propia imaxe de terceiros, ou que conteñan contidos de carácter sexista, racista, discriminatorio, ofensivo, difamatorio ou calquera outro que atente contra a dignidade das persoas.

Oitava. Premios

Establécense os seguintes premios:

Primeiro premio: 400 euros.

Segundo premio: 200 euros.

Novena. Fallo e publicación

O fallo do xurado comunicarase persoalmente ás persoas gañadoras e poderá facerse público a través da páxina web, redes sociais e outros medios de comunicación do Círculo das Artes.

Os microrrelatos premiados poderán ser publicados polo Círculo das Artes, citando sempre o nome da súa persoa autora.

Décima. Dereitos de autor

As persoas participantes conservarán a propiedade intelectual das súas obras.

A participación no concurso implica a autorización ao Círculo das Artes de Lugo para difundir os microrrelatos premiados e finalistas na súa páxina web, redes sociais, publicacións ou actos culturais, sempre sen finalidade comercial e mencionando a autoría.

Undécima. Protección de datos

De acordo co Regulamento UE 2016/679, de Protección de Datos Persoais, e a normativa vixente na materia, infórmase de que os datos persoais facilitados serán tratados polo Círculo das Artes de Lugo, con domicilio en Praza Maior, nº 23, 27001 Lugo, coa finalidade de xestionar a participación no concurso.

Os datos non serán cedidos a terceiros salvo obriga legal. As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e demais dereitos recoñecidos legalmente, nos termos previstos na normativa vixente.

Duodécima. Aceptación das bases

A participación neste concurso implica a aceptación íntegra das presentes bases.