O Círculo das Artes acollerá unha festa solidaria para recadar fondos para a India

Lugo. 30/Maio/2022

O Círculo das Artes acollerá unha festa solidaria. A festa hindú, organizada pola ONG lucense Shantidi, ten como obxectivo recadar diñeiro para desenvolver proxectos humanitarios na India.

A presentación do evento correrá a cargo de Paco Rivera. O Salón Rexio estará ambientado na India, albergará unha exposición de fotografías da autoría de Carmen Novoa, que recollen o labor da ONG lucense neste país, e contará con photocall e dress code, polo que se anima a vir caracterizados con sari ou kurta.

Os asistentes poderán gozar dunha cea tipo cocktail, sorteos e unha festa amenizada por DJ. O prato forte da festa será o espectáculo de Bollywood, a cargo do bailarín e coreógrafo indio, Suresh Singh, número 1 en Europa.

O prezo da entrada é de 30 euros. Xa están á venda e poden adquirirse nas oficinas do Círculo até o venres 17 de xuño, en horario de 11 a 13 h. e de 16.30 a 20.30 h. de luns a venres.

A festa será o sábado 18 de Xuño ás 20.00 horas no Salón Rexio.