Lugo. 12/abril/2018

O grupo ‘Chigliak’ achegará os ritmos da bossa nova e o soul ao salón de columnas, mañá venres, a partir das 23.30 horas. Trátase da nova proposta para a noite dos venres de Círculo, cuxa programación continúa mañá con este grupo de guitarra e voz feminina, con temática centrada en samba, soul e bossa nova, pero que tamén se abre a outros xéneros musicais a través de clásicos do rock e o jazz, levándoo a un agradable formato acústico.

Sábados de baile

Para a noite dos sábados, o salón de columnas deixará paso, no mesmo horario, ao Dúo Almirantes, que amenizará unha noite dedicada aos bailes de salón, na que non poderán faltar o tango, o pasodobre, a rumba, o cha-cha-cha, a samba ou o vals.
Como complemento a esta oferta de lecer, o Círculo das Artes ofrece aos seus socios a posibilidade de gozar dunha cea, previa aos concertos de venres e sábado, no comedor privado con vistas á muralla da zona nova do Círculo. Os interesados deberán reservar mesa no Ambigú do Círculo e elixir os pratos dunha ampla carta, na que se incluíron menús especiais para persoas con algún tipo de intolerancia alimenticia. Este servizo de comedor está aberto aos socios a partir das 22.00 horas.