O Círculo das Artes de Lugo xa prepara unha nova edición dos seus Campamentos de Verán, dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos, cunha ampla programación de actividades multideportivas, creativas e lúdicas.

Como principal novidade deste ano, o Círculo ampliará por primeira vez os campamentos tamén ao mes de agosto, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante todo o verán.

Os campamentos desenvolveranse do 21 de xuño ao 14 de agosto e do 31 de agosto ao 8 de setembro, en horario habitual de 10:00 a 14:00 horas, con posibilidade de ampliación de 8:00 a 15:00 horas.

As actividades incluirán propostas deportivas, xogos, obradoiros creativos e dinámicas de grupo pensadas para que os participantes desfruten dun verán activo e divertido. Ademais, o campamento incluirá merenda diaria.

O prezo será de 50 euros por semana, cun suplemento de 10 euros para a ampliación horaria. Os días 7 e 8 de setembro poderán reservarse de maneira independente por 15 euros ao día.