Cargando Eventos

Rosalía Trío | Música na fin do camiño
Sábado 8 de febreiro – 20:30 h.
Salón Rexio do Círculo das Artes

Rosalía Trío
María José Ladra (mezzosoprano)
Juan Berná (óboe e corno inglés)
Margarita Viso (piano)
Programa: MUSICA NA FIN DO CAMIÑO
O programa Música na Fin do Camiño ten como obxectivo a promoción da nosa música e poesía, e mesmo do potencial cultural de seu que ten Galicia. O Camiño estableceu estreitos vínculos entre Galicia e os territorios que atravesaba e, especialmente, con Francia. Por este motivo o programa inclúe composicións de autores galegos en francés e cancións con texto en galego de compositores doutros lugares; estas obras reflicten a influencia cultural que Galicia exercía e exerce como fin do Camiño. A música, arte inmaterial, é o vehículo idóneo para traer cantigas en linguas foráneas e levar con orgullo o espírito de Galicia por todo o mundo.
Rosalía Trío integrado por María José Ladra (mezzo), Juan Berná (óboe e corno inglés) e Margarita Viso (piano) non é unha formación “estándar”. A introdución do óboe e do corno inglés préstalle ao conxunto unha sonoridade moi suxestiva e moi axeitada ao sentir do repertorio galego: o óboe é a ledicia da «alborada» e o corno inglés «a negra sombra».

Os versos de Rosalía de Castro, figura escollida para dar nome ao conxunto Rosalía Trío, serven de inspiración aos compositores e compositoras de Galicia de todas as épocas. Con este programa destacamos esta corrente da música vocal culta ou de tradición escrita en Galicia, menos coñecida popularmente pero de gran relevancia no panorama cultural xeral. O obxectivo é por en valor e difundir a música dos nosos compositores e compositoras, tanto do pasado como do presente. A nosa música e a nosa poesía, vencelladas dende o seu nacemento na Idade Media, tiveron no Rexurdimento especial pulo, de tal maneira que a música dos compositores como Montes, Chané, Veiga ou Baldomir contribuíron poderosamente á popularización da obra dos nosos poetas e, especialmente, de Rosalía.
O programa Música na Fin do Camiño dá a coñecer obras consagradas cunha nova sonoridade e obras de recente creación (2016-2019), algunhas delas premiadas en certames e outras debidas ao compositor galego Juan Durán, Premio Reina Sofía de Composición 2018.
O programa Música na Fin do Camiño constitúe unha oportunidade para achegarnos e para dar a coñecer a peregrinos e visitantes, un repertorio de gran calidade e proximidade pero non moi coñecido no ámbito popular. Os membros de Rosalía trío explican brevemente os riscos máis salientables de cada obra. Este concerto de entrada de balde, está pensado para todos os públicos e de todas as idades.
Rosalía Trío
https://www.facebook.com/rosaliatriovozoboepiano/
Rosalía Trío está integrado por María José Ladra (mezzosoprano), Juan Berná (óboe-corno inglés) e Margarita Viso (piano). Estos tres profesionais cunha longa historia anterior de colaboracións diversas entre si, desembocaron no 2015 na idea de ofrecer no Auditorio do Conservatorio Profesional de Música da Coruña (onde os tres eran profesores naquel intre) unha obra orixinal de Marcial del Adalid para voz, corno inglés e piano, Douce brise. Esta composición suscitou otras tres para esa mesma formación: Romance de la luna y el viento (Juan Berná), Outono cedo de gaitas (Juan Durán) e Le chant des serenes (Margarita Viso).
Tras desta aparición pública como trío deciden ampliar o repertorio, sempre en base a música de compositores galegos, incorporando o óboe. Así xorden obra orixinais como A Rosalía (Margarita Viso ou Has de cantar (Juan Berná). Tamén se adaptan clásicos como a Alborada de Veiga ou O Moucho de Piñeiro.
A presenza de Rosalía en tantos poemas musicados por compositores galegos e non galegos do pasado e do presente percíbese como unha pulsión poético-musical continuada que leva ao grupo a tomar o nome da nosa poeta maior.
Xa como Rosalía Trío ofrecen o seu concerto de presentación no Sporting Club Casino da Coruña o 2 de febreiro de 2018. O 24 dese mesmo mes participan na celebración do 181 aniversario do nacemento de Rosalía nos actos celebrados na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos onde foi bautizada a máis na Casa-Museo de A Matanza, Padrón, interpretando no piano que alí se conserva que pertencera a Gala, filla de Rosalía. Actuaron tamén no Teatro da Estrada e, en decembro de 2018, dentro do “Ciclo lírico de outono” do Teatro Principal de Ourense.