CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CON MÓBIL Mobiliza o Círculo

O Circulo das Artes de Lugo organiza un concurso de fotografía co teléfono móbil coas seguintes

BASES

1. Poderá participar calquera persoa maior de 16 anos (ou menor, con permiso paterno), sexa ou non socia do Círculo das Artes. Quen non sexa socio/a disporá de media hora para facer fotos do interior naqueles espazos que se poidan visitar.
2. O prazo para enviar fotografías será do 15 de novembro ao 15 de decembro de 2021, ambos inclusive.
3. Para que unha fotografía poida participar no concurso deberá cumprir os seguintes requisitos:
a. Reproducirá algunha imaxe do exterior ou do interior do Círculo das Artes.
b. A foto dixital estará feita cun teléfono móbil e non poderá superar os 9,9 Mb.
c. Deberá enviarse ao correo electrónico circulo.artes.lugo.fotografia@gmail.com xunto cuns datos de contacto: nome e apelidos, DNI e número de teléfono móbil.
4. Os participantes poderán enviar ata un máximo de 3 fotografías, sendo cada unha delas valorada de xeito individual.
5. Ao rematar o prazo de presentación, un xurado realizará unha preselección das quince mellores fotografías. A tal efecto, valoraranse as fotos que destaquen pola súa calidade, orixinalidade e creatividade. Estas instantáneas serán subidas ás redes sociais Facebook e Instagram durante o prazo de quince días; as cinco que obteñan un maior número de «gústame» serán consideradas “finalistas” e, entre elas, o xurado determinará as gañadoras do concurso.
6. Os premios serán entregados no transcurso do acto de inauguración dunha exposición que se organizará no Círculo das Artes coas 15 fotografías seleccionadas, indicándose a autoría das mesmas e os premios acadados.
7. Os concursantes cumprirán as normas de protección de datos e compartirán os dereitos de imaxe das súas fotografías co Círculo das Artes a fin de que este poida utilizalas para aquilo que considere oportuno.
8. A participación no concurso implica a plena aceptación destas bases.

PREMIOS:
1º Premio: 150 € e figura de Sargadelos do Círculo das Artes.
2º Premio: 100 € e figura de Sargadelos do Círculo das Artes.
3º Premio: 50 € e figura de Sargadelos do Círculo das Artes.
4º e 5º: Agasallos (polos, paraugas e bolígrafos do Círculo das Artes).
Do 6º ao 15º: Agasallos (paraugas, bolsas, lapis e bolígrafos do Círculo das Artes.