Lugo. 21/febreiro/2018

O ciclo de talleres didácticos Chikiocio para os socios infantís do Círculo acolle este mes de febreiro unha nova actividade denominada scrapbooking, consistente na elaboración creativa de cadernos, álbumes de fotos e axendas, mediante a utilización de diferentes tipos de papel, combinando distintas texturas e gramaxes con outros materiais como botóns, cordas e cintas. Este fin de semana, uns 80 socios e socias do Círculo achegaranse a esta técnica creativa nos catro talleres que se desenvolverán, o venres pola tarde e o sábado pola mañá, no Espacio Joven. Durante hora e media utilizarán troqueladoras, tesoiras de scrap, bisturís e cizallas para, servíndose de diversidade de papeis, crear un caderno personalizado. Ademais dos deseños, eles serán tamén os encargados de todo o proceso de elaboración: desde as tapas ata os interiores, pasando polo sistema de encadernación.