O Círculo acolle este memorial, que nesta edición ábrese a xogadores de Asturias e León

Lugo. 09/maio/2019

O salón Regio do Círculo das Artes recibirá o sábado ás máis de 100 parellas que tomarán parte no VII Maratón de Mus Muralla de Lugo, Memorial Luciano Sánchez, que nesta edición “ábrese a xogadores de Asturias e León”, explica o presidente de Lugo Museiros, Manel Matalobos.

Esta é unhas das principais novidades dun torneo, que este ano tamén varía en canto aos premios que poderán conseguir os gañadores. De feito, explica o máximo responsable de Lugo Museiros, “haberá dúas plazas para o Master Internacional de Barcelona, que se xogará en novembro, en lugar dunha, tal e como ocorría en anteriores edicións. Ademais, as tres primeiras parellas clasificadas tamén terán opción a xogar o Campionato Galego de Ourense, mentres que as parellas terceira e cuarta obterán tamén unha plaza no Premaster Provincial de Lugo”.

A falta de dúas xornadas para o inicio do maratón hai inscritas 106 parellas, moitas delas de fóra de Galicia. “Nesta edición quixemos abrir o campionato a xogadores de Asturias e León. De feito, este ano haberá un premio dunha plaza no Campionato Galego de Mus á parella mellor clasificada de fóra de Galicia”.

Este memorial está organizado pola asociación Lugo Museiros, e contou coa colaboración do Círculo das Artes, Leitegal e Caixa Rural, quen aportaron lotes de produtos de alimentación e viños para os premios que se outorgarán ás vinte primeiras parellas clasificadas.

Segundo explica Manel Matalobos, “a competición se desenvolverá polo sistema de rondas, con semifinais e final, e serán eliminadas do maratón as parellas que perdan catro partidas”. Esta nova edición do Memorial Luciano Sánchez comezará ás 09.30 horas do sábado coa entrega de acreditacións para iniciar as partidas ás 10.00 da mañá.