Preto de 30 caricaturas do ilustrador Pepe Mouriz serán doadas ao Círculo das Artes para a súa futura exposición

LUGO. 10/ABRIL/2018

Artistas da talla de Maruja Mallo ou Tino Pardos; escritores e xornalistas como Trapero Pardo, Juan Soto, Carballo Calero ou Francisco Rivera Manso; detacados lingüistas como Amable Veiga, ilustres médicos e avogados do Lugo das décadas dos 50, 60 e 70. Todos eles, entre outros, forman parte da colección de ilustracións de tinta chinesa realizadas polo pintor Pepe Mouriz, unhas 30 caricaturas dalgúns dos personaxes máis ilustres do Lugo de entón. Desde hoxe, pasarán a formar parte dos fondos artísticos do Círculo das Artes, grazas á cesión da colección por parte de María Elena Abel, muller do que foi testamenteiro de Mouriz, Andrés Segundo Guerra Pita. Segundo explicou Elena Abel “Mouriz deixou escrito un testamento ológrafo no que, entre outras cousas, falaba da doazón das súas caricaturas ao Museo Provincial de Lugo ou ao Círculo das Artes. O meu marido xa fixo varias xestións para realizar esta doazón, pero pasaron os anos e enfermou antes de que puidese cumprir cos desexos de Mouriz. Tras a súa morte, retomei o tema, pero no museo había moitos problemas de espazo”. A muller do testamenteiro do ilustrador lucense conta ademais que no Círculo “tamén lles interesou a proposta e contaban con máis espazo, tras a ampliación. Agora con esta cesión á que foi a súa segunda casa, xa que traballou como secretario da sociedade durante a presidencia de Ramón Varela, cúmprese por fin a vontade do noso amigo”.

A directiva do Círculo acolle esta cesión con gran entusiasmo e espera que nun futuro póidase exhibir toda a colección, un auténtico retrato da sociedade lucense da época.