O Círculo recibe a personaxes ilustres do Lugo dos 50, 60 e 70 da man de Mouriz, en “Homes de Lugo”

Un total de 62 caricaturas do ilustrador integran a exposición, que hoxe se inaugura no salón de columnas de Círculo ás 20.00 horas 

LUGO. 02/Outubro/2018 

O salon de columnas do Círculo das Artes acolle esta tarde, a partir das 20.00 horas, a inauguración da exposición “Homes de Lugo”, unha mostra composta por 62 caricaturas do ilustrador Pepe Mouriz, na que retratou a personaxes ilustres do Lugo dos 50, os 60 e os 70. Trinta destas caricaturas son orixinais e foron cedidas ao Círculo por María Elena Abel, muller do que foi albacea de Mouriz, Andrés Segundo Guerra Pita, nun convenio asinado o pasado mes de abril. Hoxe leva a cabo a exposición destas caricaturas xunto a outras 32 que pasan a integrar esta mostra que é un auténtico retrato da sociedade lucense da época. 

Exposición interactiva 

Unha das curiosidades desta mostra é que contará con dous partes. Unha primeira exposición interactiva, desde hoxe e ata o día 11, na que os visitantes poderán escribir nun díptico o nome do personaxe que consideran correspóndese con cada unha das caricaturas. Todos aqueles que teñan un mínimo de 20 acertos entrarán nun sorteo de figuras de Sargadelos. Despois desta primeira semana, na que a mostra unicamente contará coas caricaturas expostas, na segunda semana poderase visitar cos textos explicativos que acompañan a cada unha das ilustracións, desvelando por fin a identidade dos personaxes que serviron de inspiración a Mouriz. A Clausura da exposición “Homes de Lugo” será o día 18, cunha mesa redonda na que estarán, entre outros, Xulián Parga e Paco Rivera, para achegar datos anecdóticos e curiosidades sobre Pepe Mouriz.

By |2018-10-02T17:51:21+00:00Outubro 2nd, 2018|GL|0 Comments