A partir das 23.30 horas os asistentes poderán gozar da actuación da orquestra Garufa Blue Devils Big Band, pousar no photocall e participar no sorteo de ceas e de estancias en balnearios

Lugo. 11/novembro/2107

O Círculo das Artes xa está a ultimar os detalles da celebración, o vindeiro sábado 25, da segunda edición da Festa-Baile dos Anos 20. Dado o gran éxito acadado o pasado ano, a xunta directiva da sociedade decidiu manter, en parte, algunhas das propostas da programación desta cita, polo que os asistentes poderán gozar da actuación dunha orquestra de renome, nesta edición a Garufa Blue Devils Big Band, pousar no photocall e participar no sorteo de catro estancias en balnearios e outras tantas ceas privadas.

Este segundo baile dedicado aos chamados anos tolos, volvera a encher de glamour o salón Regio do Círculo das Artes, que abrirá as súas portas a partir das 23.30 horas, aínda que previamente, os asistentes poderán pousar no photocall que se instalará para a ocasión á entrada do salón.

Os ritmos do jazz e o charlestón interromperanse no Regio para celebrar o tradicional sorteo de estancias en balnearios e outras tantas ceas para dous no comedor privado do Círculo, con vistas á muralla. Os asistentes poderán gañar por tanto viaxes para dúas persoas con dúas noites en balnearios e hoteis termais de Sanxenxo en Pontevedra; de Coruña, de Lobios, en Ourense; e de Viveiro, en Lugo.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o sorteo realizarase no intermedio do baile, así que para optar aos premios é imprescindible estar presente. Ademais, é necesario ser socio, estar ao corrente no pago das cotas, e pasar o carné de socio polo lector antes de acceder ao baile. Desta forma a cada socio outorgaráselle un número co que participará no sorteo, que se realizará ante notario.

Podes reservar a túa mesa a partir do mércores 22 na Oficina.