A falta de doce días para que comecen os cursos hai 820 inscricións, superando os números de 2018

Aínda hai prazas dispoñibles en danza creativa, defensa persoal, música con instrumentos de vento, tango e bailes latinos

Lugo. 19/setembro/2019

O Círculo das Artes de Lugo vai camiño de bater unha nova marca de inscricións nas actividades de lecer tanto para adultos como para mozos, xa que a falta de doce días para que comecen os cursos hai 820 inscricións, cando o ano pasado, o mes de setembro pechouse con 876 matrículas. O certo é que moitos dos 65 grupos programados, correspondentes aos diferentes horarios das 23 actividades para adultos e das nove para nenos, víronse desbordados, cunha ocupación que nalgúns casos supera o 110 por cento. Este é o caso das clases de pilates, con 13 grupos e a día de hoxe 210 inscricións, así como as clases de ximnasia, fotografía, guitarra, costura, a novidade do mindfulness e os cursos infantís de diveridiomas e de pintura. Ante esta demanda, a directiva do Círculo respondeu incrementando as horas nas que se imparten algunhas destas actividades, como é o caso de diveridiomas e costura, mentres se está estudando facer o propio coas de pilates e ximnasia.

A variedade de propostas e de horarios e a posibilidade de compaxinar actividades de adultos coas infantís supuxeron un novo incremento nas matrículas, que o ano pasado xa experimentaron unha importante subida do 15 por cento. Espérase, por tanto, que este ano se superen de novo as inscricións do pasado curso, xa que nalgunhas das actividades hai prazas dispoñibles e os socios aínda están a cadrar horarios das actividades de adultos e as infantís, como corresponde ao comezo de curso. Noutras moitas propostas como speak and coffe, robótica, just dance, club de lectura, teatro ou ioga estase a piques de pechar as inscricións por alcanzar o cento por cento de ocupación.

Unha das razóns que explica a boa resposta dos socios antes estas propostas é que os cursos se programan practicamente a demanda do que se solicita. Proba diso son os bos números de actividades que se incorporaron á oferta de lecer hai pouco tempo, a petición dos socios, e que están a funcionar moi ben, como é o caso de fotografía, coral e teatro, por citar algunhas.

Ofertar actividades novas é outro dos eixos da programación de cursos no Círculo, por iso é polo que este ano incorporáronse, por exemplo, os cursos de defensa persoal e danza creativa, para os que aínda hai prazas. O primeiro deles está orientado a persoas que queren aprender un sistema fácil e real de defensa, mellorando a súa seguridade e aumentando a súa confianza, conseguindo un eficaz método para resolver con éxito conflitos e situacións perigosas. Nestas clases ensinarase como actuar, así como posicións, bloqueos e ataques, á vez que se traballará como actuar en caso de perigo, a actitude ante o opoñente e técnicas para evitar un ataque.

Mentres, a proposta de danza creativa ou danza impro está dirixida a adultos interesados no movemento e no desenvolvemento do seu lado creativo a través da danza. Para iso empregarase un método de traballo corporal, no que a través dunha danza libre, espontánea e sen regras preestablecidas, estimúlanse as potencialidades mediante un proceso creativo e terapéutico que proporciona un benestar físico, psíquico e afectivo.