O grupo do Saviñao ofrece un repertorio repleto dos temas míticos do pop e o rock español das últimas décadas

Lugo. 24/xaneiro/2019

Divertirse, bailar e pasalo ben rememorando os temas míticos do pop e o rock español das últimas décadas. Todo isto ofrecerá mañá o grupo Os Gin Toni’s, que celebrará un concerto no Círculo das Artes, na que é a súa primeira visita a esta sociedade. Desde as 23.30 horas, no salón de columnas se sucenderán as cancións máis coñecidas de grupos e solistas como Sabina, Hombres G, Manolo García, Lo Secretos, Siniestro Total, Revolver, Tequila, Celtas Cortos, Mc Clan, e Fito y los fitipaldis, entre outros. Un repertorio que, durante aproximadamente dúas horas de concerto, non deixará indiferente a ninguén.
O grupo do Saviñao, constituído en 2013, logrou facerse un sitio no panorama musical non só de Lugo senón do resto de Galicia, e cada vez son máis habituais en grandes festas e eventos galegos. Os seus integrantes, todos eles músicos experimentados e con longas traxectorias profesionais, souberon crear un repertorio acorde aos gustos de varias xeracións ao que se suma un bo directo, cunha diversión no escenario, que se traslada ao público.