O pasado sábado día de San Froilán, o xogador do Sporting Casino de A Coruña, José Manuel Manteiga alzábase por terceiro ano consecutivo co trofeo do Open San Froilán de billar a tres bandas ao impoñerse na final ao xogador do clube Billaristas Errantes Samuel García.

O billarista coruñés acadou a mellor media do torneo con 0,930 (0,838 o ano pasado) e a maior serie de carambolas, dez, acadadas tamén polo xogador do Club Billar Pontevedra, José Antonio Negro.

Os partidos con mellor media fixéronos Juan Rey do Billaristas Errantes e José Antonio Negro, que acadaron as 40 carambolas en 38 entradas.

Ademais da final, os partidos máis emocionantes presenciáronse nos oitavos de final: José Francisco Lozano, remontou un gran inicio de partido de Eduardo Pena, e vencía con autoridade (40-31 en 46). Gustavo Varela, que chegou a ter unha diferenza de 11 carambolas a favor contra Suárez Morlán, foi perdendo pouco a pouco a súa avantaxe, e na derradeira entrada Morlán anotaba 3 carambolas e gañaba por 32-30. Algo similar aconteceu no partido entre Galkina e Negro, o primeiro chegou a ter 10 carambolas de avantaxe, pero na segunda parte do partido, o xogador do Sporting Casino de A Coruña baixou o seu ritmo de xogo e Negro gañaba na contra saída (30-29).

En canto a traxectoria do campión: en oitavos e cuartos de final marcou distancia dende o principio sobre os seus rivais e pechaba os partidos en 39 e 41 entradas, fronte a José Ramón González e Luis Manuel Fernández respectivamente.

Nas semifinais, enfrontouse a Suárez Morlán, nun partido no que ningún dos dous xogadores parecía facerse co ritmo de xogo, ata que chegando ao tramo final do encontro cunha avantaxe de tan só 3 carambolas (30-27) para Manteiga, este marcaba un parcial de dez a cero (2, 2 e 6) e facíase coa vitoria por 40-27 en 46.

A final contra Samuel García, foi a remontada máis espectacular. O xogador do Club Billaristas Errantes marcaba unha considerable avantaxe de ata 16 puntos na entrada 32, ata que Manteiga espertou. Primeiro, cunha serie de dez, metíase no partido, e logo con series consecutivas de 5 e 6, poñíase por diante, para que tras varios erros por parte de ambos xogadores, José Manuel se impuxese por 40-36 en 46 entradas.

O billarista coruñés demostrou o gran momento de forma polo que está a atravesar e o porqué segue a ser o mellor xogador galego desta modalidade.

En canto á actuación dos xogadores locais, cabe destacar o papel de José Luis López Díaz, que superou ata tres roldas de xogo. Por outra banda, os mellor clasificados polo Círculo das Artes foron Jacobo Daviña (16º), José Ramón González (14º) e Juan Somoza (12º), mentres que o resto de participantes do noso club, oito en total, foron: Juan Cerecedo, Manuel Rodríguez, Manuel Bargueiras e José Manuel Pérez.

Esta edición XXIII do Open San Froilán contou coa participación de 42 xogadores de 11 clubes de toda Galicia, e un ano máis, foi o primeiro campionato autonómico de billar a tres bandas da tempada, que este ano contará con un total de seis probas incluídas no ranking galego. A seguinte cita será en novembro en Chapela, e as seguintes disputaranse en A Coruña, Vigo, Chantada e Pontevedra.