Gran éxito de inscritos na nova actividade semanal de fotografía do Círculo

A alta demanda levou á directiva a implantar dous grupos, que impartirá o fotógrafo Iago Eireos

Lugo. 30/xaneiro/2018

O éxito de inscritos que logrou o curso temático de fotografía celebrado o pasado mes de novembro xa facía prever que a implantación da fotografía como actividade semanal ía ser ben recibida polos socios do Círculo; con todo, a realidade superou as mellores previsións, xa que hai preto de 30 persoas apuntadas e varias máis na lista de espera. Esta tarde comezaron as clases na última planta do Espacio Joven, onde se impartirá a actividade ata final de curso. Ademais dos martes, estableceuse outro grupo que asistirá ás clases todos os xoves, no mesmo horario de 19.00 a 20.00 horas. A división en dous grupos de todos os alumnos matriculados permitirá, ademais, clases máis reducidas, o que contribuirá a unha mellor aprendizaxe e aproveitamento da materia.

O obxectivo desta nova actividade para adultos é que tanto os que se inician nesta arte como os alumnos con máis nivel poidan facer as súas propias fotografías, revisalas nas clases, facer os seus propios proxectos, para a final de curso montar unha exposición colectiva cos seus traballos fotográficos.

By |2018-01-31T19:28:22+00:00Xaneiro 31st, 2018|GL|0 Comments