O prazo de inscrición para esta actividade, dirixida a socios de 4 a 13 anos, ábrese o vindeiro luns 

Lugo. 05/xuño/2018

O Círculo das Artes de Lugo introduce importantes novidades para os campamentos urbanos destinados a socios e socias de 4 a 13 anos, que este verán se celebran por segunda vez, tras a excelente acollida do ano pasado. A máis importante é que ao longo do verán, os campamentos ‘Circularte’ dividiranse en semanas temáticas, nas que os piratas, as olimpíadas romanas, El Principito, a cor, a maxia de Harry Potter e o medioambiente centrarán cada un dos campamentos que se desenvolverán a última semana de xuño, as catro do mes de xullo e a primeira semana do mes de setembro.

Esta non é a única novidade que espertará o interese dos socios e socias máis pequenos do Círculo. Ás ginkanas, procuras do tesouro, talleres de caracterización, deportes, xogos, actividades artísticas, saídas ao exterior pola zona centro de Lugo e festas da auga súmase este ano as salas de escape, que se prepararán para cada un dos campamentos semanais.

Están dirixidos a nenos e nenas de 4 a 13 anos de idade; teñen unha duración de cinco días, distribuídos ao longo de seis semanas do verán: a última semana de xuño; as catro de xullo; e a primeira de setembro.

O horario é de 10.00 a 14.00 horas, con posibilidade de entrada ás 09.00 e o seu prezo é de 35 euros á semana. Ademais, ofrécese un desconto de preto do 15 por cento en caso de repetir semana e tamén por inscrición do segundo irmán.

A programación de actividades axustarase ás idades dos participantes, unha vez que se vaian cubrindo as inscricións para as distintas semanas de campamento. As prazas son limitadas e determinaranse por rigorosa orde de inscrición, cuxo prazo se abrirá o vindeiro luns, día 11, nas oficinas do Círculo, como sempre, en horario de tarde. Ditas inscricións poderanse formalizar ata cinco días antes da opción escollida.

Coa posta en marcha dos campamentos urbanos ‘Circularche’ por segundo ano consecutivo, o Círculo continúa co seu obxectivo de axudar á concialiación da vida familiar e laboral mediante a posta en marcha de actividades infantís.