Este taller celebrarase todos os martes do mes de novembro, en horario de tarde

Lugo. 12/outubro/2017

O Círculo das Artes de Lugo dá un paso máis no seu afán de contribuír á promoción e difusión das distintas expresións artísticas e faino outorgando á fotografía parte do protagonismo nos cursos temáticos programados na oferta cultural para este ano. Así, devanditos cursos abriranse en novembro cun dedicado á fotografía, que impartirá, durante todos os martes do mes, o artista Iago Eireos.

O curso pretende realizar un achegamento á fotografía, desde o punto de vista técnico e artístico. Aprenderanse as bases da linguaxe fotográfica, outorgando unha especial importancia ao exercicio práctico e á análise de distintos autores. Non será necesario posuír coñecementos previos na materia, xa que se partirá dun nivel básico, que permita aos asistentes adquirir os coñecementos necesarios para, de forma progresiva, desenvolver a súa propia creatividade.

Para abordar estas e outras cuestións da fotografía, os socios e socias do Círculo contarán cos ensinos dun profesor de luxo, o artista plástico Iago Eireos, recoñecido polo seu traballo como pintor, sobre todo elaborando murais en varios edificios públicos e privados do país, e tamén pola súa faceta de fotógrafo, ademais de polos seus traballos nos que alterna diversas linguaxes plásticas. Este artista lucense conta con múltiples premios e recoñecementos, un dos últimos, o Premio Mezquita 2016, do Concurso Nacional de Fotográfica Ciudad de Córdoba. Eireos ten especial vinculación co Círculo das Artes, xa que desde hai dous anos encárgase de impartir as clases de pintura aos socios e socias máis pequenos.

Os interesados en realizar este curso xa poden inscribirse nas oficinas do Círculo das Artes, en horario de tarde, ata o próximo 6 de novembro. O taller de fotografía desenvolverase durante unha hora dos martes 7,14,21 e 27 do próximo mes, en horario de tarde.