Pilates suma dúas clases máis ás 14 que xa existían, mentres que tamén se incorporan novas horas de ioga, ximnasia e taller de memoria

Lugo. 22/setembro/2017

Apenas bastaron catro días para que as prazas nalgunhas das actividades que oferta o Círculo das Artes saturáronse, o que levou á directiva a tomar a decisión de incrementar o número de clases semanais, co obxectivo de satisfacer as demandas de todos os socios. As colas rexistradas ante as oficinas do Círculo os primeiros días de inscrición para estas actividades xa apuntaban a unha alta demanda no número de prazas, unha situación que se produciu de forma máis palpable nas clases para adultos de pilates, ioga, taller de memoria e ximnasia de mantemento. En pilates sumáronse á oferta de 14 clases semanais, en distintos horarios de mañá e tarde, dous novos grupos para as cinco da tarde dos martes, e as once da mañá dos venres. Tamén en ioga os grupos saturáronse, o que obrigou a establecer unha nova clase, os martes, de once a doce da mañá. Pola súa banda, as actividades de ximnasia de mantemento e taller de memoria, que comezaron a funcionar o pasado ano, tamén incorporan unha hora os mércores á mañá á oferta semanal que xa existía.

As actividades de adultos non comezarán ata pasadas as festas de San Froilán, con dúas excepcións. As clases de pilates arrancarán o próximo día 2 de outubro, a petición dos propios socios, mentres que os concertos do ciclo “Sábado de Baile”, dirixido aos amantes e afeccionados aos bailes de salón, comezarán mañá mesmo. Así, desde as 23.30 horas e ata pasadas as dúas da madrugada, o salón de columnas acollerá a actuación en directo do Dúo Almirantes.