Perdón

Chámome Marga e son membro da xunta directiva do Círculo das Artes de Lugo.

Escribo estas liñas para pedir perdón polo que lle pasou o día de Noiteboa a Belén, a rapaza que ía en cadeira de rodas e tivo problemas para entrar no Círculo.

No nome de todos os membros da xunta directiva e no meu propio, pedímoslle perdón a Belén, ao seu curmán, Javier; ao resto da súa familia e a todos os que se sentiron ofendidos polo acontecido.

Gustaríame contarvos brevemente o que pasou esa noitiña: como moitos de vós xa sabedes, é unha tradición ir aos rellenos do Círculo o 24 de decembro, un costume que vén do século XIX e co que se identifican xa moitos lucenses. Ese día o Círculo permite que tanto os socios como os que non o son entren ás instalacións e vivan esa xornada especial. O problema é que cada vez hai máis xente que se une a esa celebración entrañable e nós quixemos garantir a seguridade dos asistentes e evitar riscos e, con ese obxectivo, contratamos un plan de seguridade para o evento. Dentro das indicacións que se nos deron incluíanse itinerarios pautados de entrada e saída e certas prohibicións por razóns seguridade (entrar con carros de bebés, por exemplo).

O que pasou esa tardiña foi que houbo tal cantidade de xente que nin os socios máis antigos recordan tal cousa… e iso probablemente fixo que nos sentiramos desbordados con ringleiras de xente que non tiñan fin e coa frustración de que, por cuestións de aforo, moitas persoas tiveron que quedar fóra.

Isto non é unha desculpa. Só é unha explicación porque, o primeiro que fixen foi pedir perdón. É unha responsabilidade da xunta directiva xestionar estas situacións con rigor pero tambén con respecto á lei. Dou por feito que cometemos erros esa noite e, o máis grave, foi o que lle afectou a Belén. Despois de moitas pesquisas, creo que o incidente se produciu pola presenza masiva de persoas que querían acceder ás instalacións. Creo sinceramente que esa circunstancia, unida ás indicacións dos redactores do plan de seguridade, foi a que motivou esa restrición de acceso absolutamente desafortunada.

Quería dicirvos outra cousa máis: todos os que formamos parte da xunta directiva do Círculo sentímonos especialmente disgustados porque, dende que chegamos a esta institución centenaria, quixemos ser sensibles coas persoas que teñen necesidades especiais e así o fixemos. Dende o primeiro momento incorporamos ás cláusulas contractuais e aos acordos asinados cos colectivos que solicitan o uso das nosas instalacións unha obriga: a de reservar espazo en lugar preferente para as persoas que, como Belén, o necesitan. Por iso nos sentimos especialmente doídos co acontecido…

Tamén quero explicar que antes de deixar esta mensaxe aquí falei telefonica e persoalmente con Javier. E hoxe mesmo chamei a Belén, para desculparme.Logo tivemos unha conversa moi positiva e tranquilizadora para min…para todos nós.

Por último, quero pedirvos perdón a todos os que vos sentides ofendidos co sucedido. Pídovos perdón sinceramente e asegúrovos que todos os que integramos a xunta directiva do Círculo nos comprometemos a que estes incidentes non volvan suceder.

Agradecemos moito a vosa comprensión.

Marga Blanco

Comunicación e Relacións Institucionais

Círculo das Artes de Lugo

By | 2018-01-04T18:51:46+00:00 enero 4th, 2018|ES|0 Comments