Lugo. 15/maio/2017

O Círculo das Artes de Lugo sumouse á celebración do Día das Letras Galegas cunha conferencia do escritor e catedrático en Lingua Galega e Literatura de EEMM, Xesús Manuel Valcárcel. O poeta lucense estivo acompañado polo integrante da xunta directiva do Círculo, Manel Matalobos, e polo presidente da sociedade, Miguel Caraduje Somoza. Xesús Manuel Valcárcel falou do marco histórico, político e social; da ditadura e do piñeirismo e o nacionalismo, ademais das grandes liñas de pensamento entre 1960 e 1978. No transcurso da súa conferencia, o escritor de narrativa e ensaio lembrou a súa relación de amizade con Carlos Casares, e falou da Nova Narrativa Galega representada por Neira Vilas, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán e o propio Casares. A charla do catedrático lucense tamén versou sobre as influencias e novas técnicas narrativas, aspecto no que abordou a obra de Joyce, Faulkner, Kafka, John Dos Pasos, Hemingway e Sartre. Por último a conferencia tratou da obra narrativa de Casares, mestre do microteatro “Á marxe” e da importancia da figura e da obra de Casares na literatura galega.