Trátase do primeiro concerto do Lubicán 2019, que continuará no salón Regio coa actuación de Susana Seivane o 28 de marzo

Lugo. 22/febreiro/2019

O Círculo das Artes de Lugo acolleu esta tarde unha reunión de artistas, músicos, representantes de institucións, Universidade e do propio Círculo como cita previa ao concerto lembranza a Fran Pérez ‘Narf’, que abrirá o ciclo musical Lubicán deste ano. A este encontro informal asistiron algúns dos artistas que participarán na homenaxe a ‘Narf’ como Uxía, Iria Estévez ou Lois Pérez. Todos eles estarán acompañados de Sergio Tannus, Marcos Teira, Gonzo Piña, García Mc, Brais Morán, Alejandro Vargas, Adrián Costa e Sergio Zearreta, ademais do citado Lois Pérez na parte poética do concerto e Xavier Belho, na imaxe. Con este concerto do vindeiro día 28, ás 21.00 horas no salón Regio, ábrese o ciclo de música Lubicán, que continuará con outro concerto de altura no Regio, o de Susana Seivane, previsto para o 28 de marzo, tamén ás nove da noite.

Compartiron este encontro xunto aos artistas e a directora teatral Paloma Lugilde, representantes das institucións que sirven de apoio a este ciclo, como Concello de Lugo, Deputación, Universidade, e o Círculo das Artes, representado polo seu presidente, Miguel Caraduje, quen destacou a necesidade de colaborar con iniciativas deste tipo, xa que “entendemos o Círculo como una casa da cultura”.

Neste encontro falouse da traxectoria desta festa musical para novos creadores galegos, da súa consolidación e da calidade dos artistas que actuarán na edición deste ano. Despois do concerto  homenaxe a Narf e da actuación de Susana Seivane, o Lubicán continuará o 25 de abril con MJ Perez acompañada da súa banda, e o 23 de maio, Som do Galpom. Ambos concertos terán lugar na Praza de Santa María, ás 21.00 horas, aínda que no caso de choiva, celebraranse no Vello Cárcere, e no Círculo das Artes, respectivamente. Durante o encontro de hoxe tamén falouse dos artistas que pasarán polo ciclo Lubicán Íntimo, na Casa do Saber, coas actuacións de High Paw, Cora Velasco e Gonzalo Guerreiro, e os que completan o cartel dos ‘Xoves de Moda’, con sesións ás 20.30 horas, na Casa do Saber, nas que participarán Cinta Adhesiva, o grupo Berlai con Lois Pérez, e Iria Pinheiro, con Anatomía dunha serea.