A charla, aberta ao público, será ás 19.00 horas e tratará sobre a relación de Fraguas con Lugo e co Círculo das Artes
Lugo. 14/maio/2019

Para celebrar o Día das Letras Galegas, o Círculo das Artes acolle mañá unha conferencia de Antonio Prado, biógrafo e estudoso da obra de Antonio Fraguas.  A charla tratará sobre a relación do historiador e escritor con Lugo, cidade que supuxo a súa volta á vida académica trala Guerra Civil e a postguerra, e tamén co Círculo das Artes, percorrendo a súa estancia de nove anos en Lugo e as actividades que realizou no Círculo ou a súa colaboración como articulista no diario El Progreso.

Falarase, entre outros temas, da súa chegada a Lugo, despois de aprobar as oposións a cátedras de instituto e obter a praza de Xeografía e Historia no Instituto Masculino de Lugo ou da primeira conferencia que impartiu nos salóns do Círculo, en 1951. Aínda que non foi socio, Antonio Fraguas colaborou en varias actividades do Círculo das Artes, participando en conferencias, pregóns e certames literarios, durante a década que permaneceu en Lugo e que, segundo os estudosos da súa obra, foron os anos máis activos da súa produción ensaística.

A conferencia terá lugar no salón de columnas, ás 19.00 horas, e a entrada é libre ata completar aforo.