Os preto de 15 integrantes do grupo de teatro do Círculo das Artes de Lugo celebraron a clausura deste curso cunha función teatral no salón de columnas, cun gran éxito de público e tamén de crítica. Polo escenario improvisado deste salón desfilaron distintas escenas como o diálogo entre o boticario Saturio e Lela, da obra de Castelao «Os Vellos non deben namorarse»; fragmentos de obra clásica Lisitrata; ou versións libres da cenicienta, entre outros moitos monólogos e pezas teatrais. Baixo a dirección de Paloma Luxilde, os compoñentes da aula de Teatro do Círculo estreáronse por todo o alto, acadando os aplausos do público e deixando gañas de máis. O próximo setembro volverá subir o telón.